Maratón de obradoiros dedicados á regueifa na A.X. Xiradela de Arteixo

  • O sábado 30 de novembro a asociación arteixá propón tres obradoiros coa regueifa como protagonista, dous pensados para adultos e un para a cativada
  • A regueifa era tradicional nas vodas no pasado

Ata tres obradoiros coa regueifa como protagonista propón a Asociación Xuvenil Xiradela para o sábado 30 de novembro na súa sede na rúa Padre Villa, nº 30 en Arteixo.

A regueifa, tamén coñecida como cantelo ou carocho, defínese na RAG como un “molete de pan adornado con ovo, azucre, caramelo, etc. con que se obsequia aos invitados a una voda e os veciños dos noivos”. A tradición consistía en que, nas vodas, unha bailadora danzaba coa regueifa (ese molete de pan) na cabeza. Ao remate do baile repartíase entre a veciñanza presente a regueifa para degustala en comunidade.

Desde a A.X. Xiradela de Arteixo organízanse para o vindeiro sábado 30 de novembro tres obradoiros dedicados á regueifa. De 16:00 a 18:00 horas terá lugar o primeiro pensado para adultos coa temática “Decorando a túa regueifa”. Ao mesmo tempo (de 16:00 a 18:00 horas) celebrarse un obradoiro orientado á cativada que impartirá Lupe Blanco e que leva por título “Improvisando regueifas”.

O peche desta maratón que ten como protagonista a ese elemento tradicional nas vodas galegas será o obradoiro “Bailando coa regueifa” pensado para participantes adultos que teñan coñecemento de base de baile tradicional galego.

Como inscribirse

Para apuntarse aos obradoiros accede a este formulario e cúbreo. A data límite para aceptar inscricións fixouse para o xoves 28 de novembro de 2024.

O prezo por obradoiro é de 15€ para persoas adultas non socias, 10€ para as socias, e no caso dos nenos e nenas a actividade é de balde para quen sexa socio/a e ten un custo de 5€ para aqueles pequechos/as que se animen a coñecer máis sobre a regueifa.

Actividades como estes obradoiros contribúen a conservar na memoria colectiva este costume da cultura tradicional galega que estaba ligado aos casamentos e no que gastronomía, canto e baile van da man. Deste xeito, as seguintes xeracións poderán coñecer a tradición da regueifa e levala á práctica se o consideran oportuno.

Máis información no enderezo electrónico xiradela@yahoo.es, no whatsapp 698 179 264 e nas redes sociais da A.X. Xiradela (Facebook e Instagram).

Este é o segundo obradoiro do curso 2024-25 da A.X. Xiradela que previamente puxo en marcha unha actividade para a elaboración de faldriqueiras.

Colabora con esta actividade o Concello de Arteixo.  

Obradoiro de faltriqueiras

Na Asociación Xuvenil Xiradela organizamos un obradoiro para a elaboración de faltriqueiras. A actividade terá lugar o vindeiro día domingo 13 de outubro de 2024.

Prezo do obradoito de faltriqueiras

O obradoiro para coser faltriqueiras terá unha duración aproximada de catro horas. Dará comezo ás 10:00 horas do domingo 13 de outubro nas instalacións da A.X. Xiradela que están na rúa Padre Villa, nº 30 no C.P. 15142 de Arteixo (A Coruña)

Para as persoas socias de Xiradela o custo do obradoiro de faltriqueiras é de 10 euros, e para aquelas que non sexan socias, é de 20 euros. En ambos os dous casos o prezo da actividade inclúe os materiais.

Segundo a Real Academia Galega unha faltriqueira, faldriqueira ou farraca é un peto que se levaba “ou ben solto atado á cintura, usado normalmente para gardar os cartos”.

Xa non temos excusa para non ter onde gardar as chaves, o móbil ou os cartos cando vestimos roupa tradicional! A solución dámoscha en Xira con este obradoiro no que habemos pasar tamén un bo rato creando a nosa propia faltriqueira.

Formulario de inscrición

Para anotarvos cubride este formulario. O prazo de inscrición está xa aberto e remata o mércores 9 de outubro.

Este será o primeiro obradoiro do curso 2024-2025 na A.X. Xiradela. Temos a intención de irvos propoñendo máis actividades á marxe das que se facemos de xeito regular.

Nesta actividade colabora o Concello de Arteixo.