A artista Alba Pose asina o cartel do 25 aniversario do Concurso  de Música Tradicional de pandeireteiras/os de Xiradela

· Na peza combinase unha fotografía en branco en negro dunha pandeireteira e un bordado con moito colorido

·  O Concurso, que chega á súa 25.ª edición, terá lugar o vindeiro domingo día 27 no Auditorio do paseo fluvial de Arteixo e conta coa colaboración do Concello

No seu 25 aniversario o Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da Asociación Xuvenil Xiradela conta cun cartel deseñado pola artista multidisciplinar Alba Pose (A Coruña, 2000).

Cartel do XXV Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da A.X. Xiradela / ALBA POSE

Nesta peza Alba Pose emprega o bordado buscando aportar colorido, “coido que é algo que me representa na miña obra”, explica a artista. Conta que quixo “tirar do fío do tradicional sen entrar nunha iconografía do traxe galego ou algo máis clásico. A imaxe de base é unha fotografía doméstica dunha pandeireteira en branco e negro sacada do contexto do tradicional e incluíndo esa participación do bordado para engadir cor e textura doutros xeitos”, relata a autora. A fotografía orixinal é de Pablo Quintana que retrataba á tocadora Eva Castiñeira.

Alba Pose é unha artista transmedia que combina as artes plásticas como bordados ou gravados, coa escenografía ou dirección de arte. Sempre desde un estilo naif e informal, e cunha visión multidisciplinar.

Formouse na USC cursando Comunicación Audiovisual e ten un Máster de escenografía e dirección de arte pola Facultad de Diseño e Ingeniería Elisava de Barcelona.

Entre os seus traballos podemos salientar a escenografía para a exposición de fotografía de Irving Penn da Fundación Marta Ortega; a dirección creativa para a pandeireteira e cantareira Fransy; ou o deseño de escenografía e de iluminación para a obra de teatro Tartar.

O Concurso de Música Tradicional de pandeireteiras/os da Asociación Xuvenil Xiradela celébrase este domingo 27 de abril no Auditorio do Paseo Fluvial de Arteixo.

Colabora con esta actividade o Concello de Arteixo.