Maratón de obradoiros dedicados á regueifa na A.X. Xiradela de Arteixo

  • O sábado 30 de novembro a asociación arteixá propón tres obradoiros coa regueifa como protagonista, dous pensados para adultos e un para a cativada
  • A regueifa era tradicional nas vodas no pasado

Ata tres obradoiros coa regueifa como protagonista propón a Asociación Xuvenil Xiradela para o sábado 30 de novembro na súa sede na rúa Padre Villa, nº 30 en Arteixo.

A regueifa, tamén coñecida como cantelo ou carocho, defínese na RAG como un “molete de pan adornado con ovo, azucre, caramelo, etc. con que se obsequia aos invitados a una voda e os veciños dos noivos”. A tradición consistía en que, nas vodas, unha bailadora danzaba coa regueifa (ese molete de pan) na cabeza. Ao remate do baile repartíase entre a veciñanza presente a regueifa para degustala en comunidade.

Desde a A.X. Xiradela de Arteixo organízanse para o vindeiro sábado 30 de novembro tres obradoiros dedicados á regueifa. De 16:00 a 18:00 horas terá lugar o primeiro pensado para adultos coa temática “Decorando a túa regueifa”. Ao mesmo tempo (de 16:00 a 18:00 horas) celebrarse un obradoiro orientado á cativada que impartirá Lupe Blanco e que leva por título “Improvisando regueifas”.

O peche desta maratón que ten como protagonista a ese elemento tradicional nas vodas galegas será o obradoiro “Bailando coa regueifa” pensado para participantes adultos que teñan coñecemento de base de baile tradicional galego.

Como inscribirse

Para apuntarse aos obradoiros accede a este formulario e cúbreo. A data límite para aceptar inscricións fixouse para o xoves 28 de novembro de 2024.

O prezo por obradoiro é de 15€ para persoas adultas non socias, 10€ para as socias, e no caso dos nenos e nenas a actividade é de balde para quen sexa socio/a e ten un custo de 5€ para aqueles pequechos/as que se animen a coñecer máis sobre a regueifa.

Actividades como estes obradoiros contribúen a conservar na memoria colectiva este costume da cultura tradicional galega que estaba ligado aos casamentos e no que gastronomía, canto e baile van da man. Deste xeito, as seguintes xeracións poderán coñecer a tradición da regueifa e levala á práctica se o consideran oportuno.

Máis información no enderezo electrónico xiradela@yahoo.es, no whatsapp 698 179 264 e nas redes sociais da A.X. Xiradela (Facebook e Instagram).

Este é o segundo obradoiro do curso 2024-25 da A.X. Xiradela que previamente puxo en marcha unha actividade para a elaboración de faldriqueiras.

Colabora con esta actividade o Concello de Arteixo.